Hoxe, 24 de febreiro, cúmprense 179 anos do nacemento da grande Rosalía de Castro. A escritora galega máis universal non precisa de presentación ningunha. Penso que moitos de nós ata somos quen de recitar de seguido varias das estrofas do seu «Adiós ríos, adiós fontes…», poema incluido en Cantares Gallegos, cuxa data de publicación, o 17 de maio de 1863, deu lugar á institucionalización do Día das Letras Galegas.
Para moitos, a figura da literata está asociada maioritariamente a un discurso existencial pesimista e angustiado, pero o alcance da súa obra chega moito máis lonxe.
Con ocasión da efeméride, A Asociación de Escritoras e Escritores de Lingua Galega, AELG, publica un manifesto elaborado polo escritor Suso de Toro, baixo o título «Rosalía libre e sen medo ningún«, onde honra os aspectos da personalidade da autora que revelan moita forza e conviccións para ir contracorrente no tempo que lle tocou vivir.
Di De Toro que Rosalía «dende moi nova decidiu ser creadora e fixo por selo, fixo por ser muller escritora e foino, contra todo e contra todos», enfrontando o destino que tiñan as mulleres da súa época desde que nacían mulleres e que a literata denunciou: «desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud».
Ademáis de atreverse a escribir, atreveuse a facelo en galego, nun momento no que estaba proscrito e nesa mesma lingua denunciar a inxustiza social dos «desherdados» e explicitamente, como lembra Suso de Toro, dos traballadores: «obreros incansables, yo os saludo», escribía Rosalía.
Hoxe, distintas institucións lembran e honran a Rosalía nestes e noutros moitos aspectos da súa persoa e obra. Por extensión, tamén aparece honrada a literatura galega. De feito, a AELG propón á cidadanía que agasalle neste día un libro en galego e unha flor. Por iso, queremos recoller algunha das propostas literarias en galego das librarías de Ourense.
Valora este post: