Este post inicia unha serie que proseguerá no mes de abril para falar das actividades que os alumnos do segundo curso do Ciclo Superior de Fotografía da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Failde (EASD), canteira de futuros fotógrafos profesionais en Ourense, realizaron en colaboración co CCA Ourense Centro.
Armando García, profesor da EASD explica que a actividade enmárcase nun traballo específico sobre «fotografía de moda«, onde os estudantes debían compor e fotografar diversos looksbooks ó xeito de catálogos comerciais de empresas de moda e tamén de publicacións especializadas, elaborando fotos de estudo e outras máis próximas ó streetstyle.
Establecementos asociados a CCA, como A Garatuxa, Belinda, Burbrujas, El Sueño de Lu, Hermanos Barros, Komodamoda, SloaneSquare e TrendTantra proporcionaron prendas para que os estudantes compuxeran os looks.
E esta semana fixéronnos chegar os agardados resultados, así que aquí vai a primeira entrega:
Jennifer Novoa e o seu LookBook Texano
O primeiro que vos imos ensinar é o traballo de Jennifer Novoa, estudante de 21 anos cuxas inquedanzas musicais e no mundo das artes plásticas levárona a cursar un bacharelato artístico e despois a matricularse na EASD porque a fotografía -explica- é a canle «que me serve para expresar, en certo xeito, a miña forma de observar o mundo».
Jenny compuxo tres looks atraída polas prendas de confección propia de Mary Fernández, que xunto con Rosa Puga forman o equipo de A Garatuxa, unha boutique de roupa e complementos para muller na rúa Vasco Díaz Tanco.
O personal selo de confección xenuino e artesán de modista a pequena escala de A Garatuxa reclamou a atención da fotógrafa, que escolleu un vestido reversible de cerimonia con estampado de flores e cinturón a xogo, un top co mesmo estampado e un corpiño branco en tecido denim.
O obxectivo da proposta desta creadora era descontextualizar as prendas do ambiente para o que estaban pensadas: festa e cerimonia. «O patrón do vestido e o corte de escote tipo halter é propio dun cóctel ou festa de día», explica Jennifer, pero «trasladeino a un lugar distinto, unha hípica, e creei un look texano que rachases coas ideas preconcebidas, que completei con prendas confeccionadas en telas vaqueiras e coiro en tons azuis e cámel e botíns campeiros«.
Look 1
O protagonista é o top de raso floreado. Jennifer explica que lle quixo «dar un aspecto urbano e moderno engadíndolle uns jeans combinados con dous tipos de chaqueta: unha gabardina de coiro e outra vaqueira, con botíns cor cámel.
Look 2
O corpiño branco é neste caso a peza central. «Para darlle unidade co resto da colección» a fotógrafa di que utilizou o cinto que acompañaba o vestido e colocouno por riba como un faixín.
Look 3
O vestido de flores, que a fotógrafa complementou co cinto, pero buscando o lado escuro, acompañouno dos botíns cor cámel que desenfadan o conxunto.
Resaltar a idea de que a moda non ten idade
O primeiro obxectivo que a estudante tiña claro, mesmo antes da selección das prendas, era «resaltar a idea de que a moda non ten idade e é para todo tipo de persoas«, por iso escolleu a unha muller de «trazos marcados e expresión non típica», de mediana idade (50 anos) e que non fora modelo profesional, para escenificar «con naturalidade» os looks. A primeira persoa na que pensou Jennifer foi súa nai, Ana Isabel Domínguez para lograr tales propósitos.
Un escenario rachador donde ubicar a unha muller segura de si mesma e desafiante.
A hípica é «un escenario rachador, onde ubicar a unha muller de 50 anos, segura de sí mesma e desafiante«, di Jenny. Implicar un animal, un cabalo en concreto, no traballo tamén atraeu a artista, porque «transmiten seguridade, son fortes e elegantes«, explica.
En canto á técnica a fotógrafa conta que as fotos se tomaron maioritariamente en interiores, variando o tipo de iluminación.
As da hípica fixéronse en dúas sesións, «unha con luz natural de 10,00 horas a 13,00 horas do mediodía e diversas fontes de luz continua e a segunda pola tarde para atopar contrastes máis marcados e utilizar luz que puidese controlar máis».
Jennifer di, que ademais de súa nai, no plano estético considerou dous referentes, para ela sinónimos de beleza e elegancia, como son as actrices Emma Thompon e Audrey Hepburn, mentres que no plano artístico e técnico admira o traballo de Richard Avedon, retratista e fotógrafo de moda que recolleu a imaxe da beleza, a cultura e a elegancia nos Estados Unidos durante 50 anos, ata o seu falecemento en 2004.
Non te perdas o resto do excelente traballo de Jennifer Novoa, que completa as fotografías que ilustran este post, na seguinte galería de imaxes.
Valora este look: