A inminente estrea do séptimo capítulo, «O Renacer da Forza», dunha das sagas máis famosas da historia do cine, Star Wars, o vindeiro venres día 18 de decembro nas salas cinematográficas do país provoca que establecementos comerciais estean quentando motores ante acontecemento tan esperado por lexións de fans en todo o mundo, dende maiores a pequenos dos que tamen podedes atopar suxerencias en Star Wars: A forza renace nas librarías de Ourense (especial nenos).
En Ourense, os comercios que máis eco se fan do evento son as librarías, que amosan nos escaparates propostas de todo tipo, tamén adaptadas a fans de todo tipo: aspirantes a convertérense en sabios enciclopédicos da saga, grazas a guías e diccionarios visuais; fans da banda deseñada ou nenos. Ata os máis manitas poden interpretar os personaxes desta ópera galáctica en clave amigurumi, grazas a un pack de crochet co que reproducir os principais personaxes da Guerra das Galaxias.
O renacer da forza xa se sinte nas librarías de Ourense con estas propostas:
Para aspirantes expertos da saga
Guía ilustrada para entender a saga: STAR WARS, 100 ESCENAS
Se antes de acudir á estrea do Capítulo VII te queres poñer ó día e entender o que se foi cocendo na galaxia durante os seis capítulos anteriores, esta é a publicación que te conducirá polo espazo sen medo a perderte. Para empezar, o relato é cronolóxico, dende o capítulo I ó VI, non como a aparición cinematográfica das triloxías estreadas, o que servirá para orientarte mellor.
A guía selecciona momentos míticos de cada filme a través de imaxes ilustradas xunto cun texto explicativo, onde se conta o desenvolvemento das principais intrigas da historia, xiros míticos das pelis e sorpresas. Por suposto, fan aparición as persoaxes clave das dúas primeiras triloxías, lugares representativos, androides e moito máis.
E quen non sinte curiosidade por coñecer as interioridades das rodaxes? Pois esta guía non se esquece de mantervos informados de anécdotas e xugosas curiosidades, como que a actriz de orixe escocés Lindsay Duncan, muller do actor que interpretou a un piloto de Ala-A no episodio VI, pon a voz ó androide TC-14. Ou que Ewan McGregor é sobriño de Denis Lawson, quen deu vida a Wedge Antilles nos episodios IV a VI, como relata Jon A.Sedano, nunha completa review desta guía.
A editorial, Planeta De Agostini escolleu un formato, cando menos galáctico, de cartoné con cubertas brillantes, para agrupar as 208 páxinas a toda cor, das que se compón a publicación.
Pódelo atopar en Librería Internacional Nobel e Librería La Viuda.
Prezo recomendado: 30 euros.
Con prólogo de C3PO: UNIVERSO STAR WARS
No prólogo desta publicación, Anthony Daniels, actor que interpreta ó droide C3PO di: «co paso dos anos, episodio tras episodio, a saga ten acumulado tantísimos detalles emocionantes que xa perdín a conta. Agora, grazas a este libro podo lembrar cousas que tiña esquecidas, que nunca souben ou que me daba vergoña preguntar».
Revelador ata ese punto resulta esta guía que nos trae a editorial DK, coñecida polos seus afamados libros enciclopédicos de temáticas variadas, onde a modo de relato eminentemente visual e estruturado en orde cronolóxica, fálanos de personaxes, escenarios, tecnoloxía e vehículos presentes nos filmes de Star Wars, The Clone Wars e Star Wars Rebels.
Pódelo atopar en Librería Kathedra e Librería Internacional Nobel.
Prezo recomendado: 29,90 euros.
A galaxia en clave ladrillo de colores: LEGO STAR WARS, EL DICCIONARIO VISUAL
Os lanzacohetes e aerofrenos dunha cañoneira da República, o dos microcazas do Falcón Milenario, telémetros, as aletas direccionais dun esquife de Tatooine ou os canóns situados no mentón dun pesado camiñante AT-AT. Así de prolixa en detalles resulta esta publicación da editorial Pearson, cuxa primeira edición saiu á luz no ano 2009 e que nesta ocasión se presenta revisada e actualizada para que os incondicionais do tándem Star Wars-Lego gocen dos minuciosos detalles dos cazas estelares e dos vehículos da famosa saga galáctica. Iso sí, todo interpretado na linguaxe dos legos, é dicir, a dos ladrillos de cores machiembrados, algo alonxados dos sons impronunciables de Chewbacca ou do hipérbaton constante de Joda.
Pódelo atopar en Librería Padre Feijoo, Librería Kathedra e Librería Internacional Nobel.
Prezo recomendado:19,90 euros.
STAR WARS: DICCIONARIO VISUAL COMPLETO
Os autores traballaron con Lucas Film e Industrial Light & Magic para documentar esta obra que nace con vocación de converterse nunha publicación de referencia sobre a saga.
Trátase dun escaparate visual de criaturas e personaxes da Guerra das Galaxias que compendia os catro diccionarios visuais de Star Wars engadindo material exclusivo que pode resultar do máis tentador para os seguidores das triloxías.
Repasa con máis detalle a venganza dos Sith, engade novas páxinas sobre Utapau, Mustafar, a Orde 66 e os tanques de combate clon. Asimesmo, amplía a análise da triloxía orixinal con exploracións da Alianza Rebelde, o personal do Imperio, o sarlacc, R2D2 e a cantina de Mos Eisley.
Se queres ampliar información remítoche a esta reseña que publica Eva Pérez.
Pódelo atopar en: Librería Kathedra e Librería Internacional Nobel.
Prezo recomendado: 35,00 euros.
O xogo de preguntas que proba os teus coñecementos galácticos: LOCO POR STAR WARS
Eres un auténtico mestre jedi ou aínda te consideras un padawan? E os teus amigos? Tanto se queres presumir do teu coñecemento da galaxia como divertirte aprendendo máis sobre esta saga que te/vos apaixoa, LOCO POR STAR WARS pode ser o teu mellor aliado para facer de tí un verdadeiro erudito interestelar.
Esta publicación poñeravos a proba a través de 2.500 preguntas que versan sobre as películas, as súas rodaxes e todo tipo de material relacionado coa saga.
Ó pé de cada páxina inclúese unha clave coas respostas que permite resolver este inxente número de preguntas desafiantes, entretidas e de seguro que sorprendentes. Xogamos?
Está editado por Minotauro e o prezo recomendado é de 24,95 euros.
Para Comic-Queiros
STAR WARS SAGA COMPLETA
A editorial Planeta de Agostini recolle en 600 páxinas a toda cor baixo formato cartoné as adaptacións a comic de toda a saga, dende o capítulo I ó capítulo VI nun só volume. O tomo inclue dende o predestinado encontro entre Qui-Gon Jinn e Obi-Wan ata a vitoria de Luke Skywalker contra os Sith, a confesión paterna máis famosa do cine que serviu para redimir a personaxe e Darth Vader. Sen dúbida un aperitivo apetecible para írense preparando para a estrea, o próximo venres 18 de decembro nas salas de cine.
Pódelo atopar en Librería Platero, Librería Internacional Nobel.
Prezo recomendado: 45,00 euros.
Para Manitas
Tu galaxia «do it yourself»: KIT STAR WARS CROCHET
Se ademáis da túa admiración pola saga conxugas a fición polas manualidades e o crochet, eres o candidato perfecto para mercar este completo pack, que te permitirá ter unha galaxia «do it yourself», ademais de toda a satisfacción que iso ten que aportar.
Inicia unha aventura interestelar tirando de agullas de calcetar e fío e reproduce en clave amigurumi as personaxes de Luke, a princesa Leia, Yoda, Darth Vader, Boba Fett, un stormtrooper e moitos personaxes máis.
Non te preocupes, este pack contén todo o preciso: lá de distintos colores, unha agulla de crochet, recheo, dedal e complementos, ademáis dunhas instruccións fáciles de seguir con casi 80 imaxes a toda cor. Veña, mans á obra.
Podes atopalo en Librería Internacional Nobel
Prezo recomendado: 24,95 euros.
Valora este post: